Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

sábado, 4 de noviembre de 2017

Cruz Vermella Allariz e Maceda en Lodoselo. Graciñas!


Neste outono tardío e no primeiro fin de semana de novembro tivemos con nós un grupiño realizando as actividades do Pobo escola. Unha data especial porque despois de seis anos xa non está Marta e estrenábase Tamara; ademais contamos coa presenza de Juan. Con eles, como non, Alberto. E un grupo de persoas, educadoras, que traballan con estas crianzas de Allariz e Maceda facendo apoio escolar e que este sábado pasaron a xornada con nós: facendo o pan no forno, dándolle pan as ovellas e sacándoas a pacer, paseando no carro polo que Fariñeiro tiraba, no obradoiro de papel reciclado, no invernadoiro e coas galiñas, patos, pavos, coellos... E con Néboa, a mastina amiga de tod@s.  E xogando no campo da Lama ós xogos de sempre; un campo que comeza a tinguirse de verde despois de meses seco; e acompañados polas follas que pisamos que nos lembran que estamos no outono. 
Tamén a este grupo, como a todos os que veñen, moitas grazas por escoller Lodoselo para pasar un día diferente; por compartir con nós algunhas lembanzas... Algunha educadora contounos que estivera de nena, xa hai uns cantos anos, co colexio de Maceda facendo aquí tamén o pan e o papel reciclado... Grazas a tod@s; tamén pola peza de pan que nos deixastes para que o probaramos.
E, grazas, neste día especialmente a Marta por este tempo que compartiu con nós, por ser tamén un dos rostros do CDR O Viso, un máis; pola súa loita cotiá facendo posible o necesario. Moitísima sorte nesta nova etapa. E moita sorte tamén para Tamara. Acostumados que non afeitos, a dicir adeus e ola, facemos nosa unha cita que lemos de G. García Márquez "lembrar é fácil para o que ten memoria; esquecer é difícil para o que ten corazón".