Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

domingo, 17 de abril de 2016

Celebramos en Lodoselo as II NEG Xornadas de Educación e Cultura Tradicional

E gozamos da boa compaña... Nas dependencias da casa rectoral, polo pobo, no centro de inclusión, polos arredores do pobo (na Rañada...). E aprendemos pasándoo moi ben porque é todo un luxo termos entre nós a Antón Castro, Carme Campo e Chus Caramés, Xavier Blanco, Os Chichisos... Música, oralidade, entorno natural, instrumentos, formación permanente, memoria colectiva...
 O día que me dixeches o da palla do palleiro, comecei a entende-lo mundo da palleta e do punteiro. Volvín ó día seguinte pola mañanciña cedo e alumbráchesme unha nota co segredo do gaiteiro. Como cho hei agradecer! Meu amigo compañeiro. O gaiteiro verde. Xavier Blanco

martes, 5 de abril de 2016

Unha parella de cegoñas como contrapunto ó tanatorio


   Non é nada novo dicir que no noso medio rural una das imaxes máis duras é ter contemplado a conversión das escolas en tanatorios; no noso caso a escola seguíase empregando para máis cousas, para “todo”. O sentido común foinos levando a utilizala para facer festas, comidas, reunións, charlas, ximnasia… Tamén local electoral. Si, o local social do pobo. 
   E velaí, que cando a lóxica é empregar un espazo coma este para as diversas actividades de todos, un espazo multifuncional… Parece ser que chega Sanidade e prohibe que isto sexa así; se é tanatorio non se pode empregar para outra cousa máis. E tras varias xuntanzas a veciñanza manifesta velar ós defuntos e querer ser velados no pobo. E comezan as obras de acondicionamento dunha parte do local para este fin específico que ninguén espera que se empregue moito, aínda que todos sabemos que a morte é segura. Con todo, nestes últimos anos a media non chega a dez nun ano. ¡Unha mágoa reconverter un local para isto só! Pero, non queda outra: a administración funciona así.

   Pois ben, a nota discordante neste espazo de morte, soidade e desesperanza é que a  escasos 70 metros en liña recta, nestes últimos días de marzo e primeiros de abril chegaron dúas parellas de cegoñas; témoslle postos dous niños no campo da Lama pero non os empregaron ata o de agora. Por fin, parece que unha parella quedou nun deles. Ademais por fin, estes días tamén se empezou a escoitar o cuco. Si, é, parece, a outra cara da moeda.