Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

domingo, 20 de noviembre de 2016

Premios da Crítica 2016... Parabéns Maribel!

Si, porque a nosa "Maribel" está entre o grupo de premiados na 39ª edición da Fundación Premios Da Crítica Galicia. Aínda que agora vive en Celanova para nós segue a ser aquela rapaciña boa que se criou no barrio do Outeiro; por iso queremos felicitala desde o CDR O Viso; a ela e a toda a súa familia ( especialmente ós seus avós, Francisco e Isabel). 
Daquelas primeiras actividades que se fixeron desde a Asociación Cultural O Cruceiro, que despois deu pé ó CDR "O Viso" a dos estudos dirixidos ou "doblescola" (L. Milani e a escola de Barbiana era un referente) foi unha das accións que sempre nos mantivo especilamente unidos con tod@s e cada un dos nen@s do pobo. Se non lembro mal, fomos co tractor do Ramón (o tío de Maribel) buscar as mesas e as cadeiras que nos deran na Agrupación escolar de Sarreaus para que na escola do pobo (que na década dos oitenta recuperamos do seu estado de abandono e semi ruinoso) poideramos ir facer os deberes... E moitas máis cousas: Preescolar na Casa, Xornadas de formación popular, escola de adultos, entroidos, magostos... 

Agora Maribel, Isabel Mociño González, entre outras cousas, ten levado adiante unha interesante labor a prol da literatura infantil e xuvenil galega. Aquí aparece como autora do libro que ven de ser premiado:
"Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega" (Xerais, 2015), premio en la modalidad "Investigación" de los XXXIX "Premios da Crítica Galicia 2016".
Monografía coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou. 

Autoras: Blanca-Ana Roig Rechou, Eulalia Agrelo Costas, Pilar Pili Bendoiro Mariño, Mar Fernández Vázquez (Mfv Ice-usc), Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González, Marta Neira Rodríguez e Isabel Soto. 


Os Premios da Crítica Galicia 2016 son uns galardóns que teñen como obxectivo o de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merecen os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalizan en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación do país. De feito, nas súas 39 edicións estes galardóns recoñeceron o traballo de destacadas figuras e iniciativas, exemplo da diversidade e riqueza lingüística e cultural do país.

martes, 1 de noviembre de 2016

O noso José Miguel na tv3

   Cunha gran alegría, aínda que xa é unha nova non reciente, poñemos este enlace da televisión catalana onde saíu o noso amigo José Miguel. Parabéns !!! Parabéns tamén para Isabel, Socorro, Irene, Ánxela... Desde a distancia pero sempre na lembranza as moitas achegas que esta familia ten feito ó CDR O Viso, ó pobo de Lodoselo.  

http://www.ccma.cat/tv3/alacarta/telenoticies-comarques/un-estudi-de-lirta-posa-les-bases-per-al-futur-control-de-les-formigues-en-citrics/video/5623836/



martes, 30 de agosto de 2016

Máis partos en agosto... e moita solidariedade co CDR.






 Si, se en xullo naceran dous años agora en agosto chegaron outros oito. E pitiños... E aínda que vai agostando o campo quedan recunchos verdes onde levar a facenda pacer. Como sempre os animais teñen algo especial para os nen@s; velaquí unha mostra; ata o gatiño se coloca para recibir caricias e mesmo se pon "chuliño" para a foto. 
Ademais agradecer desde aquí a todas as persoas que visitan e acompañan ós nosos maiores en "a túa outra casa" ou que donan produtos da horta para o noso comedor comunitario: leitugas, feixóns, cabaciñas... de Vilar de Santos, Lodoselo, Freixo, Cortegada... Ou nos deixan terreos, casas... Moitísimas grazas a Francisco e Rosa, Carlos, Concha, Asunción, Belén e Iñaki, Modesta, Paco, Eloy, Cesáreo, Francisco, José, Jesús, Ramiro, Aníbal, Carmen, Josefa, Pepe, Domingos.......................................................................(longuísimos puntos suspensivos).
 Sen o continuo apoio da moita xente que o fai isto non sería o que é. Sería outra cousa pero endexamais tería o encanto de ser unha mostra de boa veciñanza, do sentimento comunitario, dos valores que sempre caracterizaron ás persoas do medio rural.
Na procura dunha nova ruralidade hai sinais de identidade que queremos amosar para que sigan formando parte da nosa idiosincrasia (da nosa maneira de ser).  E parécenos que promover isto é outra maneira tamén de facer polo desenvolvemento do noso medio.




viernes, 19 de agosto de 2016

Unha e outra cara (cruz) das festas patronais

  

Ocorre que as imaxes que poñemos das festas de Lodoselo son "guays": o campo da Lama cheo de xente, alegría, diversión... E tod@s nos alegramos de que sexa así. Pero velaquí como tratamos a nosa terrra, a pouca concienciación cívica; aquí tedes unhas imaxes de como queda o escenario dos eventos. Calquera se da conta de que isto é unha sinal máis do pouco sentidiño comunitario, social que a veces amosamos. Nestes días no que xente está indignada porque arden os montes (un ano si e outro tamén, dependendo do tempo atmosférico), estas imaxes amosan ben as claras canta xente se afana en destruír o noso paraíso. Teremos que artellar algunhas propostas para que os vindeiros anos non se repita esta cruz. 

jueves, 4 de agosto de 2016

Mércores de Pobo escola en agosto

Onte, mércores 3 de agosto, tivemos unha xornada de pobo escola.
 Sendo que ó longo do curso pasan por aquí, sobre todo, grupos organizados de colexios, asociacións, etc. quixemos ofertar esta posibilidade de participación: Que se poidan anotar e participar todas aquelas persoas interesadas que están por aquí de paso, de vacacións... Pero tamén para aquel@s que queren volver a vivir esta xeitosa experiencia. 
Velaquí unhas imaxes da xornada de onte: xogando, aprendendo na forxa, no río, polas rúas do pobo, tamén cos animais, xantando no comedor comunitario...
  Pobo escola: aprendendo no pobo, do pobo, o pobo.
 E, lembra, tamén podes anotarte para participar na do vindeiro mércores día 17 e /ou 24 de agosto. 

lunes, 4 de julio de 2016

Herba, enxame, nacementos... E comeza o campamento !!!



 Chegou o verán e a preparar a herba seca; este ano hai moitísima!. Controlándonos, as cegoñas que criaron esta tempada no campo da Lama. Coas tomas do Alberto que viviu a a chegada dun enxame ó patio da rectoral...  E o nacemento de dous años xusto nas vísperas do arranque do campamento. A gozar do verán!!!



           


http://www.kizoa.es/Editar-Videos-Movie-Maker/d53186152k5029557o1l1/caqmpamento-2016-1-da

jueves, 26 de mayo de 2016

Co alumnado do Ceip Rosalía de Xinzo

Facendo o pan, paseando no carro co Fariñeiro, no recuncho do Carballo con Botas, facendo papel reciclado, coas ovellas, coas galiñas con pitiños e chocando, cos coellos, co ourizo cacheiro, coa Néboa, observando a cegoña que está a criar na Lama e gozando dun espectacular día deste mes de maio. Moitas grazas a tod@s os que facedes isto posible: Alberto, Bruno, Marta, Mouna, Francisco...
Se a semana pasada estiveran por aquí os Escolapios de Monforte de Lemos, a Casa dos Pitufiños, o CPI de Cambeo (dous días), esta foron a escola infantil Monicreques, CPI Tomás de Lemos e os de infantil de 3 anos un día e outro os de terceiro de primaria do Ceip Rosalía de Castro. Antes estivemos nas Patacas fritas Guays (moitas grazas Pepón, Estela, Dani...) en Piñeira Seca e despois de tanta actividade en Lodoselo, xa de volta, pasamos pola parcela da Sociedade Galega de Historia Natural aquí na Veiga, entre Lodoselo e Vilaseca para vermos o que se ten traballado na Operación Conícora. 

jueves, 19 de mayo de 2016

Postoiro, colaborador do CDR O Viso


Si, unha sorte ter na comarca xente coma Anxo, Carlos... E nomealos a eles é tamén lembrar a Miguel, o crego de Parada de Outeiro (Vilar de Santos) e a "Vincallo". Desde o CDR O Viso sabemos ben da "calidade" desta xente que leva moitos anos colaborando con nós (si, tamén da calidade das cebolas, porros, leitugas, repolos...); eles achégannos produtos para o comedor comunitario. Moitas grazas e parabéns pola traxectoria. 

lunes, 2 de mayo de 2016

O CIFP Portovello pasou unha xornada con nós




 


Alumnado de dous ciclos, Ciclo superior de Educación Infantil e do ciclo de Atención a Persoas en situación de dependencia do réxime de persoas adultas, pasaron unha xornada en Lodoselo. 
Con Lucía e Marta estiveron vendo cómo se está a desenvolver o programa de Educación Infantil Familiar na Comarca da Limia e os programas para maiores de Prevención de la dependencia e fomento da autonomía persoal non só nas dependencias do Centro senón e tamén nos propios domicilios. Tamén fixemos pola tarde un percorrido polo pobo para achegarnos ó forno onde algúns dos participantes viñeran como nen@s co Ceip no que estudaran Infantil e Primaria. Como trouxo a foto volvemos facer outra co mesmo encadre neste caso -con ela- na mesma posición máis ou menos.      
Agradecer ao profesorado e alumnado o apoio que para nós supón a súa presenza aquí. Seguimos en contacto na procura de facer mellor un traballo de apoio á comunidade e o compartirmos as inquedanzas, problemáticas, o día a día.  

domingo, 17 de abril de 2016

Celebramos en Lodoselo as II NEG Xornadas de Educación e Cultura Tradicional

E gozamos da boa compaña... Nas dependencias da casa rectoral, polo pobo, no centro de inclusión, polos arredores do pobo (na Rañada...). E aprendemos pasándoo moi ben porque é todo un luxo termos entre nós a Antón Castro, Carme Campo e Chus Caramés, Xavier Blanco, Os Chichisos... Música, oralidade, entorno natural, instrumentos, formación permanente, memoria colectiva...
 O día que me dixeches o da palla do palleiro, comecei a entende-lo mundo da palleta e do punteiro. Volvín ó día seguinte pola mañanciña cedo e alumbráchesme unha nota co segredo do gaiteiro. Como cho hei agradecer! Meu amigo compañeiro. O gaiteiro verde. Xavier Blanco

martes, 5 de abril de 2016

Unha parella de cegoñas como contrapunto ó tanatorio


   Non é nada novo dicir que no noso medio rural una das imaxes máis duras é ter contemplado a conversión das escolas en tanatorios; no noso caso a escola seguíase empregando para máis cousas, para “todo”. O sentido común foinos levando a utilizala para facer festas, comidas, reunións, charlas, ximnasia… Tamén local electoral. Si, o local social do pobo. 
   E velaí, que cando a lóxica é empregar un espazo coma este para as diversas actividades de todos, un espazo multifuncional… Parece ser que chega Sanidade e prohibe que isto sexa así; se é tanatorio non se pode empregar para outra cousa máis. E tras varias xuntanzas a veciñanza manifesta velar ós defuntos e querer ser velados no pobo. E comezan as obras de acondicionamento dunha parte do local para este fin específico que ninguén espera que se empregue moito, aínda que todos sabemos que a morte é segura. Con todo, nestes últimos anos a media non chega a dez nun ano. ¡Unha mágoa reconverter un local para isto só! Pero, non queda outra: a administración funciona así.

   Pois ben, a nota discordante neste espazo de morte, soidade e desesperanza é que a  escasos 70 metros en liña recta, nestes últimos días de marzo e primeiros de abril chegaron dúas parellas de cegoñas; témoslle postos dous niños no campo da Lama pero non os empregaron ata o de agora. Por fin, parece que unha parella quedou nun deles. Ademais por fin, estes días tamén se empezou a escoitar o cuco. Si, é, parece, a outra cara da moeda.

 

domingo, 31 de enero de 2016

Corredoiro polas rúas de Lodoselo

 Os peliqueiros ambientan os nosos pobos para goce da nosa xente que sente "ferver o sangue" ó escoitar as chocas. Moitas grazas por seguir "mimando" esta tradición e xa pasándollela ós fill@s...

martes, 19 de enero de 2016

Polo San Antón con añiños e pitiños...

<
Algunhas novas de animais, Pobo escola.
"Polo San Antón (17 de xaneiro) pon gallinita pon" nos di Mª Carmen (vivenda comunitaria) moitas veces. Pois aínda máis que moitos ovos... polo San Antón viñeron dúas parellas de años e hoxe naceron os tres primeiros pitiños do ano. O grupo de chavales de Concilia Nadal "deitaron" unha kika o 29 de decembro con 7 ovos azuis e hoxe 19 de xaneiro había tres poliños e aínda 4 ovos (veremos se sae algún máis...).
Neste tempo si que se vai notando o frío pero é máis levadeiro con estes calcetíns de la. Si, porque con algunha la das nosas ovellas a Ánxela fixo no País Vasco uns calcetíns e mandóunolos para non pasarmos frío no monte. Moitísimas grazas!!!
Tamén seguen nacendo coellos e veremos se a Torda queda preñada e para o vindeiro xaneiro temos un burriño ou burriña máis. E Néboa que aquí aparece atenta cara as ovellas segue preferindo andar patrullando polos arredores no canto de estar coidando os animais.
Xa sabedes, se queredes gozar da compaña desta facenda achegádevos por aquí cando vos veña ben.