Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

miércoles, 28 de marzo de 2012

Alumnado do Ciclo de Ed. Infantil -CIFP Portovello- goza dunha tarde con nós


Hoxe tivemos en Lodoselo ó alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil do CIFP Portovello de Ourense. Viñeron xantar aquí un grupo de 26 persoas -que rematan este curso o ciclo - acompañados polo profesor Xesús Fortes; o programa era coñecer "in situ" a experiencia de traballo do CDR " O Viso" polo que demos un paseo, despois de comer, por algunhas instalacións e tivemos unha charla-coloquio; despois, divididos en tres grupos, fíxose un xogo de pistas polo pobo.

martes, 27 de marzo de 2012

A Torda trouxo outra burriña



Despois dun ano e 2 días de que a cubrira o burro "Fariñeiro" onte día 26 de marzo pariu a Torda. É a cuarta cría que nos nace aquí desta parella de burros (que mercaramos na Xironda): antes foron Lúa, Terra e Café. Aquí tedes outro motivo para vir este ano a Lodoselo: coñecer esta nova cría. Aínda pendente de que a bauticemos (hai varias propostas pero "Alai" pode ser o seu nome) algúns tivemos a sorte de asistir ó seu rápido nacemento; avisounos o Aníbal (sobre as 22.30h) de que estaba na fase expulsiva do parto porque xa saíra o líquido e, en quince minutos xa estaba fora a pequena; deseguida porfiando para manterse de pe; levou varias caídas pero antes de media hora e aínda moi mollada (a nai foina lambendo e acicalando) xa se mantiña bastante ben (aínda que ás veces a nai tirábaa ó lambela -para seguir secándoa-). Levoulle máis tempo mamar; por máis que a axudamos non era quen de facelo; teimamos ata as 2.30h da madrugada. É importante que tome os costros, o primeiro leite que da a nai cando pare, para que reforce o seu sistema inmune.
         As dúas primeiras fotos son desas primeiras horas e a terceira xa é do día 27 polo mediodía.




Aquí cinco días despois...






sábado, 24 de marzo de 2012

Nacen os primeiros pitiños do ano 2012

Nos galiñeiros que temos na horta do carrajal (da tía Modesta) xa comezaron a nacer poliños. Os grupos que veñen a Lodoselo a facer as actividades que oferta o CDR O Viso a través do programa "Pobo escola" xa  teñen boas novas; esta é unha delas.  
Aínda que ordinariamente as galiñas chocan cando ven o tempo máis quente, este ano empezaron pronto e hoxe 24 de marzo xa ollamos 5 exemplares; a esta galiña puxémoslle 9 ovos (algúns de kikas e outros de pitas) o domingo 4 de marzo; estivo "deitada" enriba deles (mantendo os ovos á temperatura conveniente para que se produza a súa incubación) e hoxe xa naceran algúns: estaban así de chulos. 
O milagre da vida!!!
Co ovoscopio (artimaña que preparamos cunha caixa e unha bombilla) tratamos de mirar se os ovos que lle poñemos están "galados". Os nosos maiores saben facelo mirando o ovo cara o sol. Con todo case sempre nos sae algún "grolo".
O admirable instinto, que guía as galiñas cando están "chocas" na súa misión de incubar, fai que, con precisión matemática, realice a ventilación e volteo dos ovos, manteña a temperatura conveniente e humidade axeitada para que ós 20 días empecen a nacer os máis madrugadores e ó día seguinte o resto; aínda que tal e como nos aprenderon os maiores do pobo deixámoslle un día máis por se queda algún rezagado. Rara é a vez que nacen todos e xa nos ten pasado algunha vez que a galiña non saque ningún. 
Así que, xa sabedes, nós non empregamos a incubadora, a nosa é unha incubadora natural... como case todo o que se facía no rural: o natural. ConSuma Naturalidade na procura dunha Nova Ruralidade.   

viernes, 16 de marzo de 2012

Chegaron Joshua e De Andrea

Xa temos con nós a outros dous voluntarios do Servizo de Voluntariado Europeo. Joshua ven de Londres, ten 21 anos; a súa asociación de envío é "Asociación Concordia Live Learn Experiencie". Xa imos sabendo que lle gusta moito a música; toca o piano e a guitarra acústica.
De Andrea ven de Croacia e tamén ten 21 anos; a súa organización de envío é "Help". Estamos descubrindo nela a unha boa animadora, sempre contaxiando o seu sorriso...
Aquí están paseando con Elisa, María e Cristalina polos arredores da Vivenda Comunitaria "A túa outra casa".