Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

martes, 4 de octubre de 2011

XIII ENCONTRO DA SGEA no C.D.R. "O Viso"


Os vindeiros 8 e 9 de outubro terá lugar nos locais do CDR O Viso en Lodoselo o XIII encontro da  Sociedade Galega de Educación Ambiental. A SGEA é a entidade profesional que agrupa ás educadoras e educadores ambientais de Galiza, co obxectivo de promover a educación ambiental no noso país e avanzar desde unha perspectiva colectiva e plural na construción dunha sociedade máis xusta, respectuosa e responsábel co ambiente.

Dentro das actividades que vén desenvolvendo desde hai máis de 10 anos, a SGEA programa periodicamente uns ENCONTROS abertos, onde nos reunimos os socios e socias e toda persoa con intereses ambientais que queira acompañarnos, a fin de pasar unhas xornadas distendidas e con bo ambiente, descansando e gozando da compaña colectiva, coñecendo in situ un equipamento de educación ambiental, realizando rutas interpretativas por espazos de interese patrimonial ou ambiental da zona, asistindo á presentación de novos materiais sobre educación ambiental, etc.

O vindeiro ENCONTRO da SGEA, que será xa o décimo terceiro, realizarase os próximos sábado 8 e domingo 9 deste mes de outubro, no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en Lodoselo (Sarreaus), a uns poucos quilómetros de Xinzo da Limia. Trátase dunha experiencia de longa traxectoria, de recoñecido prestixio e con multitude de propostas que derivan dos seus tamén múltiples perfís: servizos sociais, educación social, desenvolvemento comunitario rural, recuperación patrimonial, educación ambiental, etc. En definitiva, un equipamento que non podemos deixar de coñecer.

Por iso queremos convidarvos a todas e todos a participar e acompañarnos nesta xeira a vindeira fin de semana.

A continuación presentamos o programa de actividades, aproximado, pois pode sufrir sobre a marcha algunha modificación, sempre que beneficie ás e aos participantes.

PROGRAMA
SÁBADO 8
12:30 Recepción no CDR O Viso (intentade ser puntuais). Como chegar: desde Ourense, pola autovía das Rías Baixas cara a Castela, saída 188 (a seguinte á de Xinzo da Limia); no enlace cóllese a N-525 en dirección a Xinzo durante 400m e logo en dirección a Castela 6 km ata chegar a Trasmiras, onde se colle á esquerda en dirección a Sarreaus, pero quedamos antes, en Lodoselo, a uns 7 km de Trasmiras. En coche leva aproximadamente unha hora desde Ourense (se queredes compartir coche, avisade cando vos apuntedes).
13:00 Presentación dun novo material de educación ambiental, a cargo do autor, Pablo Meira: Guía. Conocer y valorar el cambio climático. Propuestas para trabajar en grupo, un dos resultados saídos dun proxecto de traballo da Universidade de Santiago de Compostela, financiado polo grupo MAPFRE. Entregarase un exemplar a cada asistente.
14:00 Xantar, no comedor do CDR.
16:00 Presentación do proxecto, da traxectoria histórica e das iniciativas do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.
17:00 Visita ás instalacións do CDR, do pobo-escola, da escola de tempo libre, do bosque e dos arredores.
20:00 Tempo libre.
21:00 Cea, no comedor do CDR.
22:00 Xuntanza para conversar sobre a SGEA e o Observatorio Galego de Educación Ambiental.
23:00 Descanso (hai roupa de cama, ou podedes traer saco de durmir).

DOMINGO 9
10:00 Almorzo, no comedor do CDR.
10:30 Saída pola Limia. Iremos nos coches particulares, e poderemos visitar, a gusto das/dos participantes, diferentes elementos de interese patrimonial e ambiental desta espectacular zona do país, a escoller: areeiras da Lagoa de Antela, Pena Alta, río do Esquecemento, Civitas Limicorum, minas de estaño, Pena da Moura, Couso da Limia, Torre da Pena, Torre de Porqueira, Museo Etnográfico da Limia, río Fírveda, a carballa da Rocha, etc., ou mesmo facer algunha pequena ruta a pé.
14: 30 Xantar, no comedor do CDR, e sobremesa.
17:00 Despedida.